16/05/2012

Camiño da Memoria seleccionada na sección oficial do Festival Primavera do Cine

Esta mañá recibimos a boa noticia de que os organizadores do Festival Primavera do Cine anunciaron as obras seleccionadas para a sección oficial da primeira edición deste festival. A curtametraxe CAMIÑO DA MEMORIA producida por Ollo de Vidro é un dos audiovisuais seleccionados.

CAMIÑO DA MEMORIA será exhibida ao público dentro das proxeccións que realizará o festival o próximo mércores 30 de maio a partir das 17.30 horas no auditorio do Concello de Vigo e a partir das 20.30 horas no Museo de Arte Contemporánea. 


01/05/2012

Deixádeos Pasar preséntase este xoves en Compostela


Convidámosvos á presentación do documental Deixádeos Pasar que se celebrará este xoves 3 de maio en Compostela. Será ás 17.30 na faculdade de Filosofía, no marco das II Xornadas de Rosalía de Castro a nós que organiza a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, a quen lle queremos agradecer este convite.


A nova produción de Ollo de Vidro chega a Compostela tras a súa estrea en Vigo, onde obtivo unha moi boa acollida por parte do público. A curtametraxe documental trata sobre a pervivencia de Rosalía de Castro e as trabas que a escritora denunciaba e que a día de hoxe aínda segue a padecer a sociedade galega.

Xoves 3 de maio / 17.30 horas / Faculdade de Filosofía (Praza de Mazarelos, Santiago).