06/11/2012

Presentamos o documental Deixádeos Pasar na Bandeira.

A Creativa Ollo de Vidro proxecta a súa última obra documental Deixádeos Pasar na Asociación Cultural Vista Alegre (A Bandeira) o día 10 de novembro de 2012 ás 19:30 horas. 




Baixo unha estrutura adaptada a Follas Novas, a curtametraxe presenta unha serie de persoas que en función das súas vivenzas interpretan os poemas de Rosalía de Castro pretendendo resolver a pervivencia da escritora na Galiza do novo século. 

Os membros do grupo audiovisual: Alberte Mera, Valentina Alonso, Lucía Calvo e Pilar Abades e Pablo Prado darán a coñecer tamén na Bandeira a súa primeira obra “Camiño da Memoria”, tras dous anos de proxección por todo o país. 


24/09/2012

Estrea de Deixádeos Pasar no Festival das Brétemas, Ponteareas


O documental Deixádeos Pasar, a última produción de Ollo de Vidro, estrearase no Festival das Brétemas en Ponteareas, tras a súa presentación en Vigo e Compostela. 

Será o vindeiro sábado 29 de setembro as 20.30 horas no Auditorio Reveriano Soutullo (Ponteareas)
No Festival das Brétemas poderás visualizar esta curta que trata sobre a pervivencia de Rosalía de Castro e as trabas que a escritora denunciaba e que a día de hoxe aínda segue a padecer a sociedade galega.
Tras a presentación do filme, comezará ás 22.30 a festa rachada na Feira Vella de Ponteareas, coas actuacións do Leo i Arremecághona, Os residuos atractivas (folk palleiro), Liska (ska, punk, reggae) e Malas Pulgas (punk rock).

16/05/2012

Camiño da Memoria seleccionada na sección oficial do Festival Primavera do Cine

Esta mañá recibimos a boa noticia de que os organizadores do Festival Primavera do Cine anunciaron as obras seleccionadas para a sección oficial da primeira edición deste festival. A curtametraxe CAMIÑO DA MEMORIA producida por Ollo de Vidro é un dos audiovisuais seleccionados.

CAMIÑO DA MEMORIA será exhibida ao público dentro das proxeccións que realizará o festival o próximo mércores 30 de maio a partir das 17.30 horas no auditorio do Concello de Vigo e a partir das 20.30 horas no Museo de Arte Contemporánea. 


01/05/2012

Deixádeos Pasar preséntase este xoves en Compostela


Convidámosvos á presentación do documental Deixádeos Pasar que se celebrará este xoves 3 de maio en Compostela. Será ás 17.30 na faculdade de Filosofía, no marco das II Xornadas de Rosalía de Castro a nós que organiza a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, a quen lle queremos agradecer este convite.


A nova produción de Ollo de Vidro chega a Compostela tras a súa estrea en Vigo, onde obtivo unha moi boa acollida por parte do público. A curtametraxe documental trata sobre a pervivencia de Rosalía de Castro e as trabas que a escritora denunciaba e que a día de hoxe aínda segue a padecer a sociedade galega.

Xoves 3 de maio / 17.30 horas / Faculdade de Filosofía (Praza de Mazarelos, Santiago).


29/04/2012

Deixádeos Pasar estreouse o 25 de abril

A estrea de Deixádeos Pasar celebrouse en Vigo o pasado mércores 25 de abril. Ante un ateigado salón de actos da Casa Galega da Cultura, os membros do coectivo presentamos a ultima produción de Ollo de Vidro e tras a presentación deuse paso a un colquio entre o público e o equipo técnico da obra e as dúas protagonistas da curta con cuxa participación contamos (Sonia Lebedynski e Carme Adán). Ademais de falarmos do proceso de concepción da idea e de creación do filme, houbo moita atención en extraer as lecturas críticas da realidade galega que o filme pretende amosar collendo coma paradigma a Rosalía de Castro. Puidemos contar a este respecto, cunhas moi interesantes valoracións de Sonia e de Carme.
Quixeramos darvos as grazas unha vez máis a todos e todas vós pola vosa participación e presenza na estrea. 

De esquerda a dereita: Carme Adán, Pilar Abades,
Valentina Alonso, Alberte Mera, Sonia Lebedynski, Lucía Calvo 





13/04/2012

Estrea de Deixádeos Pasar


Ollo de Vidro presenta ao público a súa última produción: o documental Deixádeos Pasar. Será o vindeiro 25 de abril ás 20.00 horas na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa nº 2, Vigo).

 Baixo unha estrutura adaptada de Follas Novas, a curtametraxe Deixádeos Pasar presenta unha serie de persoas que en función das súas vivenzas interpretan os poemas de Rosalía de Castro, pretendendo resolver a pervivencia da escritora na Galiza do novo século.  

-¡Deixalos pasar!- É o que eu deseo: que os deixen pasar, como un romor máis, como un perfume agreste que nos trai consigo algo de aquela poesía. 
     (Prólogo de Follas Novas) 

Dirección: Alberte Mera / Axudante de Dirección: Valentina Alonso / Dirección de fotografía: Lucía Calvo / Guión: Alberte Mera, Lucía Calvo, Pablo Prado, Pilar Abades, Valentina Alonso / Produción: Alberte Mera, Pablo Prado / Edición: Olalla López. Música: Sonia Lebedynski e Fía na Roca. 

Participan: Carme Adán, Hossain e Mª Regina, Sonia Lebedynski, Montse Irago, Inma García e Carmen Escourido.